15/10/2017 - O Fuciño do Porco e Viveiro en ollos de 11 países

 

Xordania, Brasil, Estados Unidos, Túnez, Italia, Chile, Turquía, México, Inglaterra, Bolivia, Bélxica… xente de todos estes países acompañounos este sábado a visitar a maxia do occidente da Mariña Lucense.

 

 

O noso primeiro destino, a famosa ruta polas pasarelas do Fuciño do Porco! Unha senda que sorprendeu ó mundo e que ano a ano é visitada por máis persoas. Víchedela este verán no programa Comando Actualidad? Tamén foi unha das protagonistas da campaña promocional “Lugo Cambia” da Deputación de Lugo. Que beleza de acantilados e de vistas cara as rías de Viveiro e do Barqueiro!

 

 

Despois desta emoción, fómonos comer ó merendeiro do Monte de San Pedro, en Viveiro. Picnic en convivencia e logo… a desfrutar do panorama! Unha das vistas máis fermosas de todo o Cantábrico? Gozámola moito.

 

 

Ás catro da tarde baixamos ó centro histórico de Viveiro, a tomarnos uns xeados e cafés (cada un ó seu gusto) e a desfrutar dun paseo polas bonitas rúas desta enclave milenario. As portas de Carlos V e do Valado, as igrexas de Santa María e San Francisco ou a Praza Maior foron algúns dos lugares máis fotografados.

 

 

Rematamos a xornada nun lugar inmellorable: a praia de Area. Unha hora e media para relaxarnos, bañarnos, escoitar a un gaiteiro que paseaba polo areal… e gozar da caída do sol. Ata a próxima!!

 

 

Guido Álvarez Parga (Lugo, 1985)

Guía Oficial de Turismo de Galicia, axente de viaxes en Galicia Infinita e colaborador do xornal Galicia Confidencial

www.guidoalvarezparga.com