25/04/2018 - Excursión á XXVII Feira do Viño de Vilachá

A  Feira  do  viño de  Vilachá distínguese do resto de feiras vinícolas polo seu singular lugar de celebración, un conxunto ben estruturado de 42 adegas con moita historia e declaradas de interese turístico. Todas elas seguen un mesmo patrón arquitectónico: de pedra, planta baixa, cubertas por un tellado a dúas augas, e portón de madeira constituíndo un único van de acceso, de anchura suficiente para o vaivén de entrada e saída de grandes pipas e barrís. Algunhas delas semisoterradas na terra para a óptima conservación dos caldos que nelas se producían, e que nalgúns casos aínda se continúan producindo. Dispostas ao longo de estreitas rúas empedradas coma se dun barrio gremial se tratase, atópanse rodeadas de árbores centenarias e dun pequeno regato, conformando un lugar de especial beleza natural. As edificacións actuais son dos séculos  XVIII e  XIX, aínda que a súa orixe se remonta á alta idade media, ligadas aos mosteiros da zona, como o de Montederramo, o de San Vicente do Pino, en Monforte de Lemos, e a algún outro xa desaparecido.

Pertencen estas e os seus viñedos á subzona Quiroga  Bibei da D.O. Ribeira Sacra. Con todo, só unhas poucas das adegas participantes se acollen á denominación de orixe, obtendo varios premios de carácter internacional e distribuíndo os seus viños no mercado nacional. A maioría son pequenas adegas de carácter familiar que utilizan métodos artesanais para a elaboración do viño, o cal non implica unha menor calidade. As variedades de uva empregadas son diversas, pero predominando claramente a Mencía.

O ambiente que se respira nesta celebración é especial e enxebre. Ao son das gaitas e dos grupos de música tradicional galega, os asistentes cantan e bailan, desde os máis novos aos máis maiores. Gózase da gastronomía rexional nas carpas das pulperías ou nas mesas particulares que montan grupos de familiares e amigos, e os artesáns locais acondicionan os seus postos para exhibir as súas pezas ou licores.

Neste ano 2018 a música corre a cargo dos  grupos de Cantos de Taberna Macizas Centrais, Os amigos do Caldeiro, Os Galochas, Os Palletas, Os Recuncados, Os Somontanos, Raíces do Campo, Somosche D´Herbas e Son do Mao.

Unha visita moi interesante é o Miradoiro da Capela, a uns 15 minutos a pé do conxunto etnográfico a través dunha pista. Nel poderemos admirar os viñedos sobre o río Sil, de onde se recolectan as uvas dos viños a degustar mediante a práctica da viticultura heroica, denominada deste xeito polo escarpado do terreo, e o Camiño de Inverno, empregado xa polos peregrinos medievais como alternativa ao Camiño Francés, evitando deste xeito as nevaradas dos altos cumios do Cebreiro. O seu itinerario parte de Ponferrada, atravesando as antigas minas romanas de Las Médulas e a ribeira do Sil, para finalmente chegar á cidade do apóstolo Santiago.

 

 

Mirador da Capela. Fotografía de Imxavitooh

 

A maioría das adegas atópanse pechadas durante todo o ano, abrindo as súas portas só unhas poucas mediante citas concertadas con anterioridade, normalmente para grupos, ou como furanchos nas fins de semana e nas tardes de xullo e agosto. Así, a  XXVII  Feira  do Viño de  Vilachá preséntase como unha moi boa ocasión para coñecelas, acompáñasnos?

 

 

Iria Zeltia Pita Lorenzo

Técnico superior en Guía, Información e Asistencias Turísticas