20/11/2017 - Catorce países camiñando polas terras do Eo (A Pontenova-Ribadeo)

 

Grecia, Uruguai, Turquía, Brasil, Reino Unido, Perú, Alemaña, Chile, Francia, Arxentina, Portugal, México, Italia… todos estes países estiveron presentes este sábado na nosa excursión polas terras do río Eo. Unha saída que levabamos organizando durante moito tempo!

 

 

O sábado pola mañá reunímonos ás 11h00, nos fornos da Pontenova, cos nosos queridos amigos de O Freixo dos Lobos Ecoturismo e Natureza. Pedro Rolle foi o noso guía na ruta pola Vía Verde do Eo! E como sempre, non nos defraudou.

 

 

O paseo por este vello trazado ferroviario foi unha verdadeira marabilla… quedámonos fascinados coa súa beleza! O precioso río Eo e os seus sons, toda a súa contorna natural, os túneles ferroviarios que parecen sacados dun conto… un percorrido pola historia recente destas comarcas (este tren funcionou desde 1903 ata 1964) que á maioría nos deixou abraiados.

 

 

Que nos dicides destas fotografías? Non dan ganas de volver xa mesmo?

 

 

De verdade, é unha ruta para volver e volver! Preciosa, cómoda, agradable, asequible para todos os públicos… Que vos parece o lugar onde comemos? Aí o tedes, na seguinte foto… a presa de “Pé dá Viña”, no municipio de Trabada : )

 

 

Rematamos o noso percorrido a pé en San Tirso de Abres e alí o noso autobús recolleunos para irnos visitar un dos puntos máis bonitos da provincia de Lugo… o faro de Illa Pancha! Alí Pedro falounos da súa historia e tamén da riqueza ornitolóxica deste lugar.

 

 

E onde acabamos o día? Como non, en Ribadeo… paseando por unha vila chea de historia, gozando do seu gran ambiente sabatino, das vistas da súa ría… e do seu bo café! Ó pé da Torre dos Moreno, no cantón ribadense, rematamos, de xeito inmellorable, cunca en man, un día para o recordo.

 

 

Voltaremos!

 

Guido Álvarez Parga (Lugo, 1985)

Guía Oficial de Turismo de Galicia, axente de viajes en Galicia Infinita e colaborador do xornal Galicia Confidencial

www.guidoalvarezparga.com